“Esas cousas marabillosas” esgotou as entradas durante tres anos consecutivos no Festival de Edimburgo e logo foi representado en Londres, Nova Ior, Bruxelas, San Xoán de Porto Rico, Maryland, Oregon, Canadá, …
Máis de 25.000 espectadores viron xa esta peza en España esgotando as entradas en Madrid e Barcelona
Esta peza do galardoado dramaturgo e director Duncan MacMillan, converteuse nun fenómeno teatral a nivel mundial e a HBO fixo un documental sobre ela.
“Esas cousas marabillosas” comeza cando o público vai entrando na sala e é recibido polo actor. Dálles a benvida, axúdaos a se acomodar, e dálles un papeliño que vai xogar no espectáculo. Cando empeza o espectáculo, o público xa leva un cacho dentro del sen sabelo e algúns cun papeliño na man.
Cóntase unha historia de case tres décadas que comeza cando… mamá está no hospital:
«Fixo unha parvada”, di papá, porque: “resúltalle difícil ser feliz”.
Esta primeira tentativa de suicidio de mamá fai que o fillo (o protagonista), de sete anos daquela, comece a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo. Todo polo que vale a pena vivir.
1. Os xeados. 2. As guerras de auga. 3. O primeiro baño do verán. 4. A cor azul. 5. As roupa a cadros. 6. Unha montaña rusa.
Deixa a lista na almofada de mamá co titulo “Todas esas cousas marabillosas”…Mamá leuna, sábese porque corrixiu a ortografía.
Con moitos personaxes e moitas situacións, que se desenvolven ca axuda e a complicidade necesarias do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente a que amamos.
É unha peza tenra, emocionante e divertida.
É unha comedia sobre a depresión e o suicidio
É unha obra que pode cambiarche a vida…e para ben.
ESPECTÁCULO RECOMENDADO PARA ADULTOS A PARTIR DOS 14 ANOS
DURACIÓN: ARREDOR DOS 65 MINUTOS.