O Anoitecer Neofolk reunirá a tres proxectos musicais de diferentes puntos do estado na viguesa Sala Kominsky: Cuélebre, Mileth e Bear, The Storyteller. Este último, radicado en Asturies, presentará o seu novo álbum L'Ermitañu que Coronó les Nubes. Ademais, a banda anfitrioa de folk metal pagán Mileth estreará o seu novo formato acústico, co que levará ao terreo do neofolk as cancións do seu álbum Catro Pregarias no Albor da Lúa Morta.
Completa o cartaz Cuélebre, que conta cunha ampla traxectoria na escena de folk pagán dende o seu nacemento en 2011, con álbumes como Oinos (2014), Anaman (2017) ou Dijara (2020). Trátase dunha das bandas con maior recoñecemento internacional de dita escena, tendo tocado en destacados festivais de toda Europa, e nesta ocasión presentarán os temas do que será o seu novo traballo.
Mileth e Cuélebre xa tocaran xuntos anteriormente na Sala Rebullón de Mos en 2021 e na Sala Independance de Madrid en 2019, e agora volverán unir forzas xunto a Bear, The Storyteller o vindeiro día 5 de outubro, sábado. O evento comezará ás 19:30, e a entrada terá un prezo de 8,50€ (+gastos) anticipada e de 10€ na billeteira.